Exposicións

O Consorcio de Santiago aposta por unha cidade dinámica que afunde as súas raíces en políticas de rehabilitación, na cultura e na ciencia. Neste sentido, organiza ao longo do ano diferentes exposicións que difunden a cultura e a historia da cidade.

 

EXPOSICIÓNS ACTUAIS

 

Consorcio de Santiago, Cultura e Patrimonio. 25 anos do Consorcio na cidade

Colexio de Fonseca. Ata finais de agosto de 2017

Casa do Cabido. Ata mediados de setembro de 2017

Na Casa do Cabido faise balance das máis de 200 publicacións e exposicións promovidas polo Consorcio, así como o seu labor de difusión e promoción da cidade, ao tempo que se exhiben fotografías e documentos vencellados ao organismo que xa forman parte da historia compostelá. No Colexio de Fonseca reúnese a actividade da Oficina Técnica ao longo destes 25 anos, con grandes fotografías, planos e paneis explicativos. Recóllense os programas de rehabilitación de vivendas e de locais comerciais, a restauración de monumentos, as actuacións realizadas nas rúas e zonas verdes do centro histórico, as intervencións en equipamentos relevantes e as grandes obras impulsadas polo ente na cidade, xunto ao Plan Director do Camiño Francés e a Estratexia Verde.

 

 


Real Filharmonía de Galicia. 20 anos contigo

Auditorio de Galicia. Durante 2016 e 2017

Casa do Cabido. Ata mediados de abril de 2016

Baixo o título “Real Filharmonía de Galicia. 20 anos contigo”, o Consorcio de Santiago, organismo que xestiona a RFG, promove dúas exposicións conmemorativas dos vinte anos de traxectoria da orquestra. A mostra repártese en dous espazos, a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) e o Auditorio de Galicia (sede da orquestra). Pódese contemplar unha selección de fotografías antigas e máis actuais da agrupación, sacadas na súa maioría polo fotógrafo Xaime Cortizo e polo frautista da orquestra Luis Soto. Tamén se exhiben vídeos e escóitase música da RFG.

  

 

 

EXPOSICIÓNS ANTERIORES


Mirando a cidade. Un paseo pola historia de Compostela

Casa do Cabildo. Ata principios de xullo de 2017

Esta exposición de fotografías mostra a evolución da cidade de Santiago, dende as súas orixes ata a actualidade, a través de lugares emblemáticos pertencentes a diferentes épocas históricas. Son un total de 61 instantáneas de 58 autores e autoras diferentes, integrados na Asociación Cultural Fotoforum Compostela. Recolle espazos tan diversos como a necrópole neolítica Chans de Figueiras, o Pazo de Xelmírez, o Pazo de Monroy, a Casa do Deán, o Pazo de Raxoi, a Finca do Espiño, o Pazo de Santa Cruz, a Cidade da Cultura, a dársena da Avenida Xoán XXIII, a Facultade de Ciencias da Comunicación, a estación do tren… 

 

          



Rostros. Carlos Maside

Casa do Cabido. Ata mediados de marzo de 2017

O Consorcio de Santiago promove esta exposición de retratos realizados polo pintor Carlos Maside a personaxes contemporáneos seus (Valle-Inclán, Otero Pedrayo, Manuel Azaña, Ramón Cabanillas, Ánxel Casal, Manuel Colmeiro…), rostros que o artista recolleu durante os anos 20 e 30 do pasado século. A mostra reeúne máis de cen retratos, feitos a lápis, pluma ou tinta sobre papel; xunto a dous gravados, un de Castelao e un autorretrato do propio autor. Expóñense ademais unha serie de fotografías do pintor, algunhas das cales se exhiben por primeira vez; libros e documentos que axudan a contextualizar a figura deste artista nunha etapa, a da preguerra en Galicia, inqueda e chea de cambios sociais, políticos e culturais.

  

    



Compostela, a Terceira Dimensión

Casa do Cabido. Ata o 11 de decembro de 2016

Esta mostra reúne un total de 35 fotografías en 3D representativas do casco histórico e da catedral compostelá tomadas ao longo dos últimos dezaseis anos polo estereógrafo galego Enrique Criado. Hai imaxes nocturnas, dos peregrinos, das prazas, rúas e lugares máis emblemáticos… que foron rexistradas polo autor mediante distintos tipos de cámaras fotográficas en 3D en diferentes épocas. 

 

    



Picheleir@s

Edificios do centro histórico de Santiago. Ata principios de outubro de 2016

Esta exposición, inaugurada en 2014, recolle a maioría de oficios e profesións -moitos xa desaparecidos- que tiveron protagonismo na cidade dende a Idade Media ata a actualidade. Son 30 bandeirolas que mostran a un persoeiro real, cun oficio particular, e sitúanse na fachada dos edificios nos que viviron ou traballaron: rúa da Acibechería, Praza de Cervantes, Casas Reais, Porta do Camiño e na Rúa de San Pedro. 

    


Camilo Otero. Raíces de Compostela

Casa do Cabldo. Ata finais de setembro de 2016

Esta exposición reúne pezas diversas do multidisciplinar artista compostelán Camilo Otero, falecido en 2003. Permite facer un percorrido pola riqueza da súa produción artística nas súas variadas facetas e medios de expresión: esculturas de pequeno formato, gravados, pranchas para gravados, pinturas, litografías...


    


Airiños Aires, Rosalía

Casa do Cabildo. Ata finais de xuño de 2016

“Airiños Aires, Rosalía” é unha exposición de instantáneas na que o fotógrafo galego Xurxo Lobato rende homenaxe á ilustre poetisa. Patrocinada pola Obra Social “la Caixa”, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, é froito dun traballo de tres anos. Reúne 50 imaxes en branco e negro que amosan os referentes espaciais máis relevantes da biografía da autora, xunto con aqueles que tan intensamente poetizou. As fotografías van acompañadas na súa maioría por fragmentos de poemas de Rosalía.

 

    


Unha ollada ao pasado. Colección de Uxío de la Riva Pol

Casa do Cabido. Ata mediados de febreiro de 2016

Esta exposición reúne unhas 270 postais antigas da cidade de Santiago, que forman parte da colección privada do compostelán Uxío de la Riva Pol, do que se cumpre o décimo aniversario do seu falecemento e que deixou depositadas no Museo do Pobo Galego. A mostra permite facer unha viaxe ao pasado, a aquela outra Compostela quizais máis pausada, máis entrañable… diferente á actual. Abrangue dende os primeiros anos do século XX ata os anos 50-60. Nela pódense contemplar imaxes que aínda perduran na retina de moitos composteláns como a estatua de Montero Ríos na praza do Obradoiro, a de Ventura Figueroa fronte ao colexio de San Clemente (hoxe Instituto Rosalía de Castro), o desaparecido cuartel de Santa Isabel, a praza da Quintana arborizada, o edificio Castromil na praza de Galicia, o desaparecido sanatorio Baltar, as rúas ausentes de escaleiras ou a Exposición Rexional Galega de 1909.

 

 

 

Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo

Casa do Cabido. Ata novembro de 2015

Museo do Pobo Galego. Ata setembro de 2015

Esta mostra de instantáneas do fotógrafo compostelán Ramón Sánchez Estalote (1908-2002) repártese entre a Casa do Cabido e o Museo do Pobo Galego. Ámbolos dous espazos reúnen no seu conxunto máis dun centenar de fotografías vencelladas á peregrinación, a Catedral, o Mercado de Abastos e distintas estampas de Compostela; así como imaxes relacionadas con oficios da época como as leiteiras ou os feriantes. Estalote foi un deses fotógrafos ambulantes aos que non lle gustaba o estatismo da foto de estudio, perseguía sempre un continuo cambio de escenario para as súas tomas. Coa súa cámara Leica ao ombro, deambulou durante máis de seis décadas por Compostela e mantívose activo ata preto de cumprir os 90 anos.

 

 

CENTO25 sinerxias creativas. EASD Mestre Mateo (1888-2013)

Casa do Cabido. Ata o 28 de xuño de 2015

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo presenta na Casa do Cabido unha mostra conmemorativa dos 125 anos do centro. A exposición, realizada polos estudantes da especialidade de Arquitectura Efémera como proxecto do curso, reúne pezas e material antigo, xunto cunha selección de obras realizadas polos alumnos nas diferentes especialidades ao longo destes anos. Así, poden contemplarse esculturas feitas en materiais diversos, pezas repuxadas, estilismos de moda, xoias, fotografías, vídeos, instalacións de arquitectura efémera e unha variedade de produtos deseñados polos alumnos.

 

 

Bosques de prata. Eloy Gesto, ourive

Casa do Cabido. Ata o 10 de febreiro de 2015

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño promove esta exposición, que reúne pezas da colección privada do ourive Eloy Gesto. Foi o fundador da Asociación de Ourives de Santiago de Compostela, formou parte do Padroado da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e da Comisión Galega de Artesanía. A pegada característica dos seus traballos levou á ourivería compostelá a uns límites de experimentación únicos. As súas formas ondulantes, con inspiración na natureza, son formas orgánicas, onde a liña curva ten un gran protagonismo.

 
 

Compostella dicitur

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

A nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago abriu as súas portas coa exposición Compostella dicitur. A cidade da catedral. Nela recréase o Santiago do século XIII, a partir de aplicacións interactivas e de reconstrucións virtuais que permiten coñecer o aspecto e a evolución urbana da cidade ou acompañar a un peregrino no seu percorrido pola Compostela medieval. Ademais, dúas pantallas xigantes recrean o aspecto da catedral románica, tal e como a viron quen a coñeceron tras a súa consagración, en 1211. Por último, unha maqueta de máis de 20 m2 reconstrúe a fisonomía do Santiago do século XIII, coa catedral románica en todo o seu esplendor, as igrexas e conventos, as portas e a muralla. Para a súa realización seguíronse as descricións que da cidade e da catedral fai o Códice Calixtino.

    

 

Gold, green and black

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 31 de decembro de 2014

O Consorcio de Santiago reúne nesta mostra 60 fotografías que ilustran a gama de cores tan característica da cidade compostelá. Son imaxes dos fotógrafos galegos Alberte Peiteavel, Adolfo Enríquez e Tono Arias e da deseñadora Uqui Permui, directora da montaxe. Estas instantáneas permiten sumerxirnos na cidade e gozar das cores que a visten nos diferentes momentos do día, durante a noite, con sol e tamén con choiva.

 

   


Mar interior. Miguelanxo Prado

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 31 de decembro de 2014

O Consorcio de Santiago e “El Patito Editorial” recollen nesta mostra a traxectoria do debuxante galego Miguelanxo Prado, un dos máis recoñecidos en Europa, cun total de 59 pezas orixinais. A sala grande do museo está dedicada ao mar e nela poden verse obras de De Profundis, Ardalén, Trazo de Tiza, xunto con ilustracións da cidade de Santiago e unha selección dos seus traballos en distintas linguas. Noutra sala móstrase un compendio das súas primeiras incursións no mundo do cómic e ilustracións que ten realizado para outros escritores galegos e de fóra, que se completan cunha homenaxe ao Xabarín, personaxe que Miguelanxo Prado creou nos noventa.

 

 

Os instrumentos do Pórtico da Gloria 

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata decembro de 2014

A exposición “Os instrumentos do Pórtico da Gloria” é unha mostra organizada polo Consorcio de Santiago en colaboración coa Fundación Barrié de la Maza. Componse dunha selección de réplicas en madeira de fídulas, harpas, salterio, organistrum ou laúde, que pertencen á colección da propia fundación. Dous paneis interactivos onde se poden ver as pezas en 3D, así como un documental sobre a súa construción, complementan a mostra, que aporta información gráfica sobre o sitio que cada instrumento ocupa na xoia románica do mestre Mateo. Igualmente, nun facsímile do Códice Calixtino pódese ver a música que se interpretaba na Idade Media.

 

  

 

Os tesouros da illa de Granellandia

Fundación Granell. Ata o 23 de novembro de 2014

O Consorcio de Santiago, en colaboración con “El Patito Editorial”, promove esta exposición, que recolle as ilustracións do conto homónimo escrito por Francisco López-Barxas. Trátase de partes dunhas 30 obras do pintor surrealista galego Eugenio Granell ás que o deseñador Fausto Isorna engade ao protagonista desta historia, que se integra coas pezas orixinais do xenial artista. Son trazos feitos con xiz de cor branca con fondo en negro que contrastan co colorido dos cadros de Granell. Así, a exposición reúne as diferentes ilustracións que compoñen o libro e, xunto a cada unha delas, unha reprodución dos cadros orixinais que apoian o relato. 

 

   


Compostela Cidade Ilustrada 

Casa do Cabido. Ata outubro de 2014

Esta exposición, promovida por “El Patito Editorial”, reúne máis de 60 obras de distintos ilustradores españoles e estranxeiros que retrataron a cidade de Santiago de Compostela nas súas creacións. A través desta iniciativa preténdese reflectir o protagonismo que Santiago foi adquirindo na literatura infantil e xuvenil, o caderno de viaxes e o cómic durante os últimos anos. O conxunto destes debuxos e ilustracións son unha parte moi representativa de todo o material gráfico que existe na actualidade neste eido vencellado a Compostela.


   

Picheleir@s

Casco histórico de Santiago de Compostela. Ata outubro de 2014

“Picheleir@s” é unha exposición do Consorcio de Santiago que recolle a maioría de oficios e profesións que tiveron protagonismo na cidade dende a Idade Media ata a actualidade. Exhíbese a través dunhas bandeirolas penduradas de 30 edificios do casco histórico compostelán. Cada bandeirola mostra a un persoeiro real, cun oficio particular, e sitúanse na fachada dos edificios nos que viviron ou traballaron. Son oficios tan singulares como os coidadores de canos, cambeadores de moedas, pregoeiros das ordenanzas municipais, pedreiros, acibecheiros, cereiros, fogueteiros, vendedores de liño, hostieiros, leiteiras e, por suposto, os picheleiros.


 

Exposición conmemorativa dos 75 anos do Exército do Aire 

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 16 de xullo de 2014

Esta mostra itinerante, organizada polo Servizo Histórico e Cultural do Exército do Aire, pretende difundir a historia e a evolución do labor diario desta forza aérea e ofrecer unha visión dos cambios que experimentou ao longo destes 75 anos. A exposición componse dunha serie de paneis a gran tamaño con fotografías e texto que destacan os principais feitos históricos do Exército do Aire. Reúne ademais maquetas, uniformes, carteis e obxectos diversos pertencentes aos fondos do Museo de Aeronáutica e Astronáutica. Tamén hai fotografías aéreas de Santiago de Compostela e información relativa a personaxes relacionados coa cidade.

 

   

 

Ayer y hoy de los caminos a Santiago por Castilla y León. El Camino Francés

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 4 de xullo de 2014

Esta exposición itinerante, promovida pola Xunta de Castela e León e impulsada pola Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, reúne 58 imaxes antigas en branco e negro de diversos lugares do Camiño Francés ao seu paso polas provincias de Burgos, Palencia e León. As fotografías forman parte dos fondos da Filmoteca de Castela e León e pertencen a diferentes autores. A estas instantáneas antigas contrapóñense outras tantas actuais, realizadas en cor polo fotógrafo valisoletano José Luis Santos Cid, que buscou a perspectiva e o encadre máis semellantes aos das orixinais. Móstrase así a evolución do Camiño ao seu paso pola comunidade leonesa nos últimos 40 anos.

 

  
 

Luis Gabú. Arte e ritual na catedral de Santiago 

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata xuño de 2014

O artista coruñés Luis Gabú mostra o ritual da catedral de Santiago a través de 29 fotografías en branco e negro. As imaxes están inspiradas na relixiosidade envolvente dos rituais no “impactante,  hipnótico e  misterioso” escenario do templo compostelán. As instantáneas reflicten “a intimidade dun mundo verídico pero, ao mesmo tempo, máxico, configurado pola presenza dos peregrinos na súa viaxe”. Dende o punto de vista artístico, as fotos xogan cos contrastes entre luces e sombras para explicar os contrastes propios das relixións.


  

 

Compostela interpreta os pioneiros da fotografía

Casa do Cabido. Ata o 3 de xullo de 2014

Esta mostra reúne 51 instantáneas realizadas por outros tantos fotógrafos da Asociación Cultural Fotoforum Compostela, que decidiron reinterpretar as imaxes dos grandes mestres desta arte entre 1840 e 1930. Fixáronse como reto emular no presente, coas técnicas modernas, e dentro do contexto da cidade de Santiago, os grandes persoeiros da fotografía que foran, no seu tempo, pioneiros nunha nova disciplina artística. Trátase de referentes como André Kertész, Edward Weston, Man Ray, Alfred Eisenstaedt, Ruth Matilda Anderson, Ksado, Imogren Cunnigham, Jacques Henri Lartigue, Manuel Chicharro Bisi, Hippolyte Bayard ou Alexander Rodchenko, entre outros.

 

   

 

Santiago de Compostela en branco e negro 

Casa do Cabido. Ata mediados de xuño de 2014

Unha mostra de 53 fotografías en branco e negro do fotógrafo Alberte Peiteavel. Permite facer un percorrido pola arquitectura da cidade de Santiago de Compostela, dende o casco histórico e as súas construcións monumentais ata as zonas máis novas, con construcións máis modernas. A través desta exposición descubrimos como o paso do tempo foi configurando un dos conxuntos arquitectónicos máis espléndidos e harmónicos do mundo. Cidade monumental ante todo, constitúe unha marabilla pétrea chea de contrastes. A mostra está promovida por Teófilo Comunicación en colaboración co Consorcio.


    


Os milagres do Apóstol Santiago

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Esta exposición fotográfica inclúe 22 pinturas do artista coruñés Antón García Patiño (1932-2010), unha talla en madeira policromada de Santiago Peregrino do século XVI, o cortavento da Porta Santa, obra de Francisco Leiro en 1993, e unha edición facsímile do Códice Calixtino. A serie pictórica, que pertence ao fondo artístico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, detalla os milagres do Apóstol Santiago o Maior, tal como recolle o Libro II do Códice Calixtino, que na Idade Media serviron para difundir e aumentar a fama internacional do culto xacobeo.

 

     

 

Santiago-Kumano, rutas de peregrinación Patrimonio da Humanidade

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata o 11 de abril de 2014.

Esta exposición fotográfica enmárcase na celebración do Ano Dual España-Xapón 2013-2014. Un conxunto de 44 fotografías que forman dos arquivos de Turismo de Santiago e do Tanabe City Kumano Tourism Bureau. A mostra, producida pola Oficina Municipal de Turismo, conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Consorcio de Santiago e a Casa Galicia Xapón. O percorrido pola mostra permite comprobar como forxaron a súa identidade os dous Camiños, declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

 

 

 

Rúas de Compostela. De onte a hoxe

Casa do Cabido. Ata marzo de 2014

Un percorrido pola historia e a evolución dos nomes presentes no rueiro histórico santiagués, acompañado de reproducciones de planos históricos, que evidencian o desenvolvemento urbano da cidade. A exposición repasa a historia da nomenclatura de 61 rúas e mostra o público algúns dos rótulos que luciron nas rúas até 1965. Tamén se mostra unha audiovisual con filmacións e fotografías antigas.  [Ver paneis]  [Ver peanas]

    

 

 

A Berenguela

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Ata novembro de 2013.

Exposición fotográfica sobre a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, recentemente restaurada. Aproveitando esta restauración, o fotógrafo de Teófilo Comunicación, Alberte Peiteavel, realizou unha extensa reportaxe fotográfica que permite descubrir detalles arquitectónicos que habitualmente pasan desapercibidos ao ollo do viandante.

    

 

Espírito do viño. O viño como valor relixioso

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Maio-Outubro 2013. En colaboración con Fundación Dinastía Vivanco.

A cultura do viño e a súa relación coas diferentes relixións é o tema central desta exposición que ocupou unha das salas do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Está ideada como un percorrido artístico a través de importantes obras de arte de diferentes estilos e épocas históricas, representativas de diferentes culturas e ritos nos que intervén o viño. Xunto a pezas do II milenio a. C. de Oriente Medio ou do antigo Exipto, tamén se expuxeron obras de Rembrandt, Dalí e Picasso, en total 107 pezas, moitas delas expostas por primeira vez ao público, pertencente ás coleccións privadas da Fundación Dinastía Vivanco.

    

 

A Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago e a Exposición de 1857

Casa do Cabido. Abril-Outubro 2013.

Esta exposición quixo lembrar a importancia da Sociedade Económica de Santiago na dinamización e modernización da cidade e da comarca no século XIX, con iniciativas que fomentaron e reactivaron sectores primordiais como a agricultura, a gandaría, a industria, a pesca, a administración e a cultura. En concreto, a Sociedade promoveu a organización en Santiago dunha Exposición Agrícola, Industrial e Artística, en 1858, como método para a modernización destes sectores. A Exposición coincidiu ademais coa visita a Galicia da raíña Isabel II.

    


Memoria de Compostela

Casa do Cabido. Xullo 2012-Marzo 2013.

Exposición de fotografías antigas de Santiago, mostradas xunto a planos históricos da cidade e os antigos rótulos das rúas, retirados en 1965. A mostra serviu para recoñecer a tarefa que durante décadas realizou José Luís Cabo Villaverde na recuperación de material gráfico inédito, que contribuíu a enriquecer o patrimonio histórico-cultural de Compostela e que recompilou no seu libro Compostela. Memoria fotográfica, publicado en 1996.

   


 

HORARIOS E PREZOS

Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

Praza das Praterías, Santiago de Compostela

Tlfno: 981 566 110

 

Casa do Cabido. Sala de exposicións

Praza das Praterías, Santiago de Compostela

Tlfno: 981 576 661

 

Horario:
  • Martes a sábados, de 10 a 14h e de 16 a 20h (Verán: de 17 a 21h).
  • Domingos de 11 a 14h.
  • Luns pechado.
Entrada libre