Encontros e paseos para celebrar o 35º aniversario de Santiago como Patrimonio da Humanidade

venres, 16 Outubro, 2020

A cidade de Santiago conmemora este ano o 35º aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco. Para celebrar esta efeméride, o Consorcio de Santiago vai promover, entre outras actividades, unha serie de encontros e paseos guiados, dirixidos á cidadanía. Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo “AtlaS-WH”, do que forma parte o Consorcio, centrado na xestión sostible das Cidades Patrimonio da Humanidade incluídas na Área Atlántica.

 

Encontros Patrimoniais

 

A vindeira semana comezarán os Encontros Patrimoniais, un total de catro, que terán lugar nos centros socioculturais da cidade. O venres 23 de outubro será no de Conxo, de 20:00 a 21:00 horas; o martes 27 no de Fontiñas, de 20:00 a 21:00 horas; o xoves 29 no de Vite, de 18:00 a 19:00 horas; e o martes 3 de novembro no do Ensanche, de 20:00 a 21:00 horas -neste caso retransmitirase tamén en directo por streaming para que poida asistir o maior número posible de público-.

 

No marco destes encontros ofrecerase unha charla baixo o título “O valor universal e excepcional de Santiago de Compostela: 35 anos da súa declaración de Patrimonio Mundial da Unesco”. A encargada de impartila será Raquel López, técnica de Proxectos da empresa Trivium, especializada en xestión cultural e turismo. Presentará as claves e os valores que fixeron que a Unesco situara á cidade compostelá na máis alta posición en relación á protección do Patrimonio Mundial.

 

Estes encontros van dirixidos a todos os colectivos interesados, á veciñanza, ás asociacións e ao público en xeral. Para asistir aos mesmos é preciso reservar a praza enviando un correo electrónico a 35aniversario@consorciodesantiago.org. A reserva realizarase por orde de inscrición ata completar o aforo.

 

Paseos Patrimoniais guiados

 

Os Paseos Patrimoniais estarán dirixidos por Enma Castro, guía oficial de Galicia. Terán como punto de encontro o Cruceiro de San Pedro e visitaranse os principales elementos arquitectónicos e culturais da zona histórica de Compostela. Percorrerase a rúa de San Pedro, Porta do Camiño, praza de Cervantes, rúa de Xerusalén, praza de San Miguel, praza de San Martiño, rúa da Moeda Vella, Acibechería, praza da Inmaculada, Obradoiro, rúa do Franco, praza de Fonseca, A Raíña, Travesa de Fonseca, rúa do Vilar, Entrerrúas, rúa Nova, A Conga, A Quintana e Praterías.

 

Comezarán o sábado 24 de outubro, de 11:00 a 13:00 horas. Os seguintes serán o mércores 28, de 17:00 a 19:00 horas; o venres 30, de 17:00 a 19:00 horas; e rematarán o sábado 7 de novembro, de 11:00 a 13:00 horas.

 

Nestes paseos poden participar os veciños, outros particulares e colectivos interesados. Cómpre reservar a praza a través do enderezo 35aniversario@consorciodesantiago.org. A reserva realizarase por orde de inscrición, ata completar o aforo -fixado nestes intres en 10 persoas-, cun máximo de dúas reservas por correo.

Documentos relacionados: