Vanse renovar parte das carpinterías do Convento de Belvís, moi afectadas pola humidade

xoves, 15 Xuño, 2017

O Consorcio de Santiago saca a concurso as obras de renovación de parte das carpinterías do Convento de Belvís, por un importe global de 18.718,70 euros. Trátase das carpinterías da planta superior do lado norte do claustro, as do patio da ala oeste do claustro e as dunha fachada sur na zona de labor. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 19 de xuño para presentar as súas propostas.

 

Este convento de monxas dominicas tivo a súa orixe a principios do século XIV, converténdose na primeira Casa dominica de Galicia. Constitúe unha peza importante do patrimonio histórico-artístico de Santiago de Compostela. É un edificio histórico, pertencente ao barroco, consolidado e en bo estado xeral.

 

Esta intervención ten como obxecto evitar as humidades, que producen danos notables no conxunto do convento. As carpinterías atópanse na súa maior parte moi deterioradas, polo que cómpre a súa completa renovación. Algunhas delas presentan desencaixes ou roturas importantes, o que permite a entrada de auga e filtracións. Algunha está practicamente descolgada e con risco de caída, co perigo que isto supón ao estaren na zona de tránsito do claustro. Ademais, hai cristais rotos, ferraxes en mal estado e, en xeral, as madeiras atópanse bastante afectadas pola humidade.

 

As carpinterías desmontaranse e colocaranse unhas novas das mesmas características que as existentes. Naquelas carpinterías onde as ferraxes estean en bo estado, reaproveitaranse. E respectarase que a imaxe do conxunto sexa exactamente igual á actual.