Plan Director da Facutade de Xeografía e Historia
A Universidade de Santiago e o Consorcio da cidade manteñen un convenio para a redacción do Plan Director do edificio da Facultade de Xeografía e Historia da USC. Unha Comisión Paritaria encárgase de coordinar as actuacións entre as dúas entidades.
Plan Director do Pazo de Raxoi
Froito dun convenio co Concello de Santiago, levouse a cabo a redacción do Plan Director de todo o edificio. Establécese un plan de usos dos espazos dispoñibles, faise un diagnóstico dos problemas existentes (patoloxías da pedra, problemas estruturais e de cuberta, presenza do radón, replanteo das instalacións, accesibilidade, eficiencia enerxética...), propóñense solucións aos mesmos e priorízanse as intervencións a través dun plan de actuacións e investimentos.
Plan Especial do Camiño Francés
O Consorcio de Santiago colabora co Concello da cidade na redacción dun Plan Especial Director de Ordenación e Rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3). O ordenamento desta zona é vital para a cidade posto que por esta entrada prodúcese a maior afluencia de peregrinos á cidade histórica, o que conleva un impacto significativo tanto nas infraestruturas como na percepción do camiñante.
Plan Especial Castelo da Rocha
O Consorcio de Santiago colabora co Concello da cidade na redacción dun Plan Especial de ordenación do xacemento arqueolóxico do castelo da Rocha e a súa contorna, que estableza os criterios xerais de intervención e defina os obxectivos con respecto aos restos arqueolóxicos e o ámbito natural que os rodea.
Plan Director San Domingos de Bonaval
O Consorcio de Santiago impulsou a redacción dun Plan Director para o conxunto monumental de San Domingos de Bonaval, importante espazo histórico no que se atopan o Museo do Pobo Galego, a antiga igrexa de San Domingos, o Panteón de Galegos Ilustres e a capela do Rosario.
Instituto de Ciencias do Patrimonio
En 2011 o Consorcio de Santiago colaborou co CSIC na organización dun concurso de ideas para elixir o proxecto do edificio que albergará a sede do Instituto de Ciencias do Patrimonio, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas. O xurado seleccionou o proxecto presentado polo estudo de arquitectura Pesqueira Ulargui, caracterizado pola súa funcionalidade, integración na paisaxe e a súa eficiencia enerxética. O futuro centro levantarase xunto espazo verde das Brañas de Sar, na ladeira do outeiro onde se levanta a Cidade da Cultura de Galicia.