A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece os días 4, 5 e 6 de abril as clases maxistrais de violín. Nesta ocasión, será a recoñecida violinista Raquel Castro quen ofrecerá estas leccións.
Os horarios reservados para estas actividades serán o xoves 4 de 17:00 a 20:00h, o venres 5 de 16:00 a 20:00h e o sábado 6 de 13:00 a 14:00h e tamén de 16:30 a 19:30h.
Ademais, durante estes tres días, haberá un horario de mañá dedicado ao alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral: o día 4 será de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 17:00h, o día 5 será de 10:00 a 14:00h e o día 6 será de 10:00 a 13:00h.
Raquel Castro naceu na localidade de Aguiño, en Ribeira, formou parte da Orquestra Xove de Galicia e, actualmente, exerce como intérprete e pedagoga do violín. As súas recentes actuacións téñena levado, ademais de por toda España, a países como Gran Bretaña, Francia, Italia, Eslovenia, Croacia, Estados Unidos, Israel e a diversos lugares de Oriente Medio.
Recibe a súa formación en España e Londres, na Guildhall School of Music and Drama. Completa os seus estudos na Universidade de Indiana. Grazas a unha bolsa do Programa Fulbright consegue o mestrado en Música coas máximas cualificacións, baixo a tutela do mestre Mauricio Fuks, do cal ten sido asistente.
Ten sido convidada a impartir clases na Universidade de Indiana e na Summer Festival Academy en Bloomington. En 2005 conseguiu a praza de primeiro violín solista na nova formación Ensemble Nacional Español de Música Contemporánea. É convidada nacional e internacionalmente para impartir clases maxistrais, seminarios e cursos de violín.