A violoncellista Suzana Stefanovic impartirá clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais o día 8 de marzo, de 16:00 a 20:00h, e o 9 de marzo, de 12:00 a 14:00h e de 16:30 a 19:30h.
Ademais, ofrecerá un horario especial para o alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, que será de 10:00 a 14:00h no día 8 e de 10:00 a 12:00h no día 9.
Suzana Stefanovic, natural de Belgrado, comezou os seus estudos con Relja Cetkovic para seguir con Janos Starker, en EEUU, de quen tamén foi asistente. Graduouse con Artist Diploma en 1988 e desde entón reside en España, onde foi asistente solista da Orquesta Ciudad de Barcelona e profesora do Conservatorio do Liceu. Desde 1991 é solista da Orquestra Sinfónica da RTVE.
Gañou numerosos concursos e premios e tocou como solista coas Orquestras Filarmónicas de Belgrado, Zagreb, Saraievo, Os Solistas de Zagreb, a Orquesta Ciudad de Barcelona e a Orquesta de RTVE interpretando concertos de Dvorak, Schumann, Bloch, Brahms, Haydn, Beethoven e outros.
Desprega unha intensa actividade solística e camerística en numerosos recitais e actualmente co Trio Ravel. Interpretou integrais das Sonatas e Variacións de Beethoven, de obras de cámara de Brahms con piano, recitais de cello e percusión, así como estreas dedicadas de numerosos compositores españois.
Suzana colabora regularmente preparando as seccións de cello de novas orquestras españolas como a Orquesta Joven de Andalucía, Joven Orquesta Nacional de España e foi solista convidada da Orquesta Filarmónica de Gran Canaria, Orquesta Ciudad de Barcelona e Nacional de Cataluña e outras. Dedica gran parte do seu tempo ao ensino.
Ademais, cómpre indicar que Suzana toca un violoncello de Mario Gadda.