A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) acollerá os próximos 17 e 18 de abril as clases maxistrais do trompetista Yael Fiuza Souto (1992, Vila de Cruces —Pontevedra—), quen comezou a súa formación como trompetista na Escola da Banda Artística de Merza.
Entre 2008 e 2010 formou parte como alumno da Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago de Compostela.
Graduouse con distinción no Conservatorio Superior de Música de Aragón en 2014 e completou o seu máster na Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín en 2017.
Actuou como trompeta principal con orquestras de primeiro nivel como a Filharmónica de Berlín, a Orquestra do Concertgebouw de Ámsterdam e a Mahler Chamber Orchestra, así como con moitas das principais orquestras españolas e alemás.
En 2016 incorporouse á Orchester der Deutschen Oper Berlin, onde actualmente se atopa en excedencia. Formou parte do equipo docente de trompeta na Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín e no Jazz Institut Berlin, e desde 2025 é trompeta solista contratado da Euskadiko Orkestra e profesor no Conservatorio Superior de Música de Aragón.
En 2021 creou o Galaico Brass Festival.
As clases maxistrais están dirixidas a alumnado de trompeta de nivel medio e superior, así como a novos profesionais interesados en afondar no repertorio orquestral e no traballo técnico do instrumento.