A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) recibirá os próximos 5 e 6 de febreiro ao prestixioso contrabaixista Edicson Ruiz, recoñecido internacionalmente como un dos grandes nomes do instrumento e membro da Orquestra Filharmónica de Berlín desde moi novo.
Nado en Caracas en 1985, Ruiz iniciou os seus estudos de contrabaixo con só 11 anos grazas a El Sistema, o proxecto educativo fundado por José Antonio Abreu. Formado co seu mestre Félix Petit, destacou moi cedo ata gañar, aos 15 anos, o Concurso Internacional de Contrabaixistas de Indianápolis. En 2001 converteuse no bolseiro máis novo da Academia Orquestral da Filharmónica de Berlín, onde estudou con Klaus Stoll e foi nomeado membro estable antes mesmo de finalizar a súa formación. En 2002 recibiu a Orde José Félix Ribas polo seu brillante percurso.
Coa súa carreira como solista consolidada nos cinco continentes, Edicson Ruiz actuou en festivais tan prestixiosos como Salzburgo, Lucerna, Edimburgo ou Varsovia, así como en salas emblemáticas como o Lincoln Center de Nova York. Compartiu escenario con intérpretes de primeiro nivel como Christian Tetzlaff, Gustavo Dudamel, Gidon Kremer, Yuri Bashmet, Sabine Meyer ou Daniel Hope. Ademais, numerosos compositores contemporáneos dedicáronlle obras que el mesmo estreou en primicia.
Apaixonado polo repertorio do século XVIII, compaxina a súa actividade artística con gravacións para o selo Phil.Harmonie e múltiples producións internacionais de televisión que amosan a súa excepcional versatilidade.
As clases maxistrais da EAEM están dirixidas a alumnado avanzado e profesionais que desexen traballar cun dos grandes referentes do contrabaixo actual. As inscricións permanecerán abertas ata cubrir prazas.