A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) acollerá o vindeiros días 9 e 10 de abril ao fagotista Hans Agreda, actual fagot contrabaixo da Orquestra Tonhalle de Zúric e profesor deste instrumento na Universidade das Artes de Zúric (ZHdK), unha das institucións musicais máis destacadas de Europa.
Nado en Venezuela en 1981, Hans Agreda iniciou os seus estudos musicais aos 14 anos na Universidade dos Andes (Mérida, Venezuela). Máis tarde trasladouse a Alemaña para continuar a súa formación na Universidade de Música Robert Schumann de Düsseldorf coa guía do prestixioso fagotista Gustavo Núñez, ao tempo que recibía clases particulares de Klaus Thunemann. Graduouse coa mellor cualificación e actualmente realiza un posgrao na mesma universidade, onde prepara o seu exame de concerto.
En 2004 foi galardoado co primeiro premio e o premio do público no concurso Schmolz-Bickenbach.
Desde moi novo formou parte da Orquestra Xuvenil Simón Bolívar de Venezuela, actuando baixo a dirección de Gustavo Dudamel, Giuseppe Sinopoli ou Claudio Abbado. A súa traxectoria inclúe colaboracións con algunhas das orquestras máis prestixiosas de Europa, como a Filharmónica de Berlín, a Ópera Estatal de Baviera (Múnic), a WDR (Orquestra da Radio de Colonia), a SWR (Orquestra da Radio de Stuttgart), a Orquestra do Festival de Lucerna ou a Orquestra Mozart, entre outras.
Nas clases maxistrais que impartirá na EAEM, Hans Agreda traballará con alumnado avanzado aspectos fundamentais de técnica, son, repertorio orquestral e musicalidade, aportando unha visión internacional de primeiro nivel.
As inscricións permanecerán abertas ata cubrir prazas.