A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) acollerá os vindeiros 15, 16 e 17 de abril ao percusionista Juanjo Guillem (Catarroja, Valencia, 1965), considerado un dos grandes referentes da percusión no Estado español e no ámbito internacional polo seu labor como intérprete, docente, compositor e produtor.
Artista versátil e figura clave na música contemporánea, Guillem destaca polos seus recitais especializados en vangarda, ofrecidos en Europa, Asia, América e España, así como polo elevado número de obras que distintos compositores lle teñen dedicado. Ao longo da súa carreira interpretou concertos para percusión e orquestra de Takemitsu, Cerha, Gubaidulina, Norgard, Tan Dun, Miyoshi, MacMillan, Jesús Torres, Cristóbal Halffter e moitos outros, colaborando con agrupacións como a Orquestra Nacional de España, a OBC, a Orquestra Sinfónica de Madrid, a Orquestra da Comunidade de Madrid, a Orquestra de Cámara de San Petersburgo ou a Orquestra de Cámara de Cascais, entre outras. É especialmente salientable a gravación para Kairos de Vanishing Point de César Camarero, xunto a Rafa Gálvez e a ONE.
Co seu marcado interese pola pedagoxía, fundou en 1994 xunto a Juanjo Rubio o Centro de Estudos NEOPERCUSIÓN, referente na escena contemporánea e na formación percusiva. Impartiu clases maxistrais en institucións como a Royal Academy of Music de Londres, a Manhattan School of Music, o China Conservatory ou o Conservatorio de Ámsterdam. Desde 2012 é profesor do departamento pedagóxico de percusión do Centro Superior Katarina Gurska e da Universidade Alfonso X O Sabio.
É tamén director artístico de NEOPERCUSIÓN, dos ciclos Madrid Actual e Ágora Actual Percussió (Xàbia), e colaborou con artistas como o Cuarteto Arditti ou Markus Stockhausen. Formouse nos conservatorios superiores de Valencia, Barcelona e Madrid, ademais de no CNR de Estrasburgo e no RNCM de Manchester. Foi membro fundador da JONDE e gañou o primeiro premio do Concurso de Xuventudes Musicais de España. Desde 1999 é profesor solista da Orquestra Nacional de España.
As clases maxistrais están dirixidas a alumnado avanzado e profesionais que desexen profundar na interpretación, na técnica e no repertorio contemporáneo coa guía dun dos nomes imprescindibles da percusión actual.