Os días 15 e 16 de maio, a Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) recibirá ao clarinetista francés Nicolas Baldeyrou, unha das figuras máis destacadas e versátiles da súa xeración, recoñecido pola súa capacidade para abordar con igual excelencia repertorios de todas as épocas tanto con clarinetes modernos como con instrumentos históricos.
Descrito pola crítica como un “concertista preparado para calquera desafío” (Diapason), Baldeyrou consolidou unha carreira única que combina virtuosismo técnico, curiosidade artística e unha destacada sensibilidade interpretativa. O seu talento foi recoñecido en concursos de máximo prestixio como o ARD de Múnic, o Dos Hermanas de Sevilla ou o ICA Young Artist Competition nos Estados Unidos, feitos que abriron as portas a escenarios tan emblemáticos como o Carnegie Hall, o Concertgebouw de Ámsterdam, a Philharmonie de Paris, o Mozarteum de Salzburgo, o Wiener Konzerthaus, o Bunkamura Orchard Hall de Tokio ou a Gran Sala do Conservatorio de Moscova.
Como solista, actuou con orquestras de referencia mundial: Bavarian Radio Symphony Orchestra, Orchestre Philharmonique de Radio France, Orchestre National de France, Czech Philharmonic, Sinfonia Varsovia ou a Saint-Petersburg Philharmonic Orchestra. A súa carreira temperá permitiulle colaborar con directores lendarios como Carlo Maria Giulini, Claudio Abbado, Bernard Haitink ou Kurt Masur, e na actualidade continúa traballando con grandes mestres como Myung-Whun Chung, Alain Altinoglu, Pablo Heras-Casado, Mikko Franck ou Fabien Gabel.
Moi valorado tamén como músico de cámara, compartiu escenarios con artistas como Bertrand Chamayou, Nikolai Lugansky, Renaud Capuçon, Svetlin Roussev, Antoine Tamestit e cuartetos como Modigliani, Ébène e Chiaroscuro.
O contacto con Nikolaus Harnoncourt e Sir Roger Norrington foi determinante na súa evolución artística, orientándoo cara á interpretación historicamente informada. Recentemente, actuou como solista con instrumentos de época xunto aos Musiciens du Louvre–Marc Minkowski e o Concert de la Loge dirixido por Julien Chauvin. A súa colaboración co selo Alpha Classics, cun proxecto de cinco anos para gravar a integral mozartiana para clarinete con instrumentos históricos, confirma o seu compromiso coa autenticidade sonora.
Entre as súas aparicións recentes destacan actuacións coa Orquestra do Teatro Nacional de Mannheim, a Istanbul State Symphony Orchestra, a ADDA Simfònica, así como participación en festivais como o Festival Ravel, o Festival Internacional de Colmar ou Les coups de Cœur en Chantilly, compartindo escenario con artistas como Martha Argerich, Gérard Caussé e Edgar Moreau.
A súa discografía, ampla e ecléctica, abrangue desde o repertorio clásico con instrumentos de época ata as obras máis contemporáneas, e cada un dos seus discos foi recoñecido pola crítica con premios destacados.
Graduado no CNSMD de París, ocupa desde 2007 a cátedra de clarinete no CNSM de Lyon e, desde 2019, é profesor convidado no Royal Conservatoire of Scotland. Desde 2006 é artista embajador e tester de Buffet Crampon, e tamén artista Vandoren, participando activamente no desenvolvemento e investigación de instrumentos de vento.
As clases maxistrais na EAEM ofrecen unha oportunidade única para que estudantes avanzados e profesionais se formen cun dos clarinetistas máis influintes e completos do panorama actual.