Durante os días 25 e 26 de abril terá lugar na EAEM as clases maxistrais de viola da man do experimentado músico Mateusz Stasto. Os horarios dedicados ás leccións serán o xoves 25 de 16:00 a 20:00h e o venres 26 de 16:00 a 19:00h.
Cómpre indicar que en ambos os dous días haberá un horario reservado para os alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral. Será de 10:00 a 14:00h no día 25, e de 10:00 a 12:00h no día 26.
O violista Mateusz Stasto naceu en 1977 en Cracovia (Polonia) e iniciou os seus estudos musicais con violín aos sete anos. Completou a súa mestría con distinción na Academia de Música de Cracovia, na clase de Mieczyszlaw Szlezer e participou en clases maxistrais con distinguidos músicos como Zakhar Bron, Dmitry Sitkovetsky e Krzysztof Wegrzyn.
Entre 2002 e 2004 frecuentou a Scuola di Musica di Fiesole em Itália onde traballou co profesor Pavel Vernikov. Ademais, participou en Academias de Verán en Siena e Portugruaro.
Mateusz realizou un posgraduado con especialización en viola de arco na Alemaña cos profesores Vladimir Mendelssohn (Folkwang Hochschule Essen) e Helmut Nicolai (Richard-Strauss-Konservatorium München) e tamén está posgraduado en música de cámara. Neste eido, participou en diversos festivais internacionais dedicados á música de cámara, o que inclúe unha vasta experiencia como solista.
Foi líder convidado da sección de viola da Orquestra Gulbenkian, a Orquestra da Radio Noruega, a Orquestra Sinfónica da Malasia, a Niederbayerisches Philharmonie, a Orquestra Sinfónica de Cataluña, Orquestra do Festival Lisz, Orquestra Nacional de Espanha, Orquestra Sinfónica de Galicia e Orquestra da Svizzera Italiana.
Entre 2011 e 2014, Mateusz Stasto participou no proxecto Xiquitsi, que proporciona acceso á educación musical a nenos e mozos de Mozambique e desde 2016 é profesor de viola na Universidade de Minho, en Portugal. No 2019 obtivo o grao de Doutor de Artes (Ph.D.) na Academia de Música de Cracovia.
A súa experiencia académica permitiu que puidese ofrecer diversas clases maxistrais e tamén unha activa parte en formacións de mestrados na área de música.
Desde o 2004 é membro da Orquestra Sinfónica do Porto onde actúa como 1º solista de violas ademais de traballar con música contemporánea da man de artistas e compositores da actualidade (actuou co grupo especializado REMIX e tamén con composicións para viola e orquestra de Arvo Part e Luciano Berio).