Os días 20 e 21 de febreiro a Escola de Altos Estudos Musicais ofrece clases maxistrais de violín da man da recoñecida violinista Raquel Castro. Ademais, o día 22 de febreiro terá lugar unha xornada exclusiva para os alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral.
Os horarios reservados para estas actividades serán o xoves 20 de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h e o venres 21 de 16:00 a 20:00h.
Haberá tamén un horario dedicado ao alumnado do CAEO: o día 21/02 será de 10:00 a 12:00h e o día 22/02 será de 10:00 a 14:00h.
Raquel Castro naceu na localidade de Aguiño, en Ribeira, formou parte da Orquestra Xove de Galicia e, actualmente, exerce como intérprete e pedagoga do violín. As súas recentes actuacións téñena levado, ademais de por toda España, a países como Gran Bretaña, Francia, Italia, Eslovenia, Croacia, Estados Unidos, Israel e a diversos lugares de Oriente Medio.
Recibe a súa formación en España e Londres, na Guildhall School of Music and Drama. Completa os seus estudos na Universidade de Indiana. Grazas a unha bolsa do Programa Fulbright consegue o mestrado en Música coas máximas cualificacións, baixo a tutela do mestre Mauricio Fuks, do cal ten sido asistente.
Ten sido convidada a impartir clases na Universidade de Indiana e na Summer Festival Academy en Bloomington. En 2005 conseguiu a praza de primeiro violín solista na nova formación Ensemble Nacional Español de Música Contemporánea. É convidada nacional e internacionalmente para impartir clases maxistrais, seminarios e cursos de violín.