A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) recibirá o vindeiro 7 de febreiro á flautista Silvia Rozas, recentemente nomeada flauta principal da Ópera de Hannover e membro titular da NDR Radiophilharmonie, dúas das institucións musicais máis recoñecidas de Alemaña.
Formada inicialmente no Conservatorio Superior da Coruña e na propia EAEM, trasladouse a Berlín aos 18 anos para continuar os seus estudos. Alí obtivo o Bachelor na Hochschule für Musik Hanns Eisler, e actualmente realiza o seu máster na Universität der Künste Berlin baixo a tutela de Christina Fassbender.
Foi solista coa Xove Orquestra da Sinfónica de Galicia e recibiu múltiples premios en concursos internacionais, aspectos que avalan a súa destacada proxección artística.
A clase maxistral que ofrecerá na EAEM está dirixida a alumnado avanzado e novos profesionais que desexen traballar cunha intérprete que combina unha técnica refinada cunha notable sensibilidade musical.
As inscricións permanecerán abertas ata cubrir prazas.