A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), vinculada á Real Filharmonía de Galicia e xestionada polo Consorcio de Santiago, convocou no mes de maio a duodécima edición do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, recoñecido como Título Propio de Posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela.

Tras a realización das probas de selección, a EAEM lanza agora unha convocatoria extraordinaria na que se ofertan un total de seis prazas: dúas de violoncello, unha de violín, unha de contrabaixo e unha de trompeta, que quedaron sen cubrir.

Este curso está dirixido ao estudantado que rematou a súa formación musical e quere formar parte dunha orquestra profesional. A través deste curso, que comezará en outubro de 2026 e rematará en xuño de 2027, os participantes recibirán clases individualizadas da man do seu profesorado, integrado por músicos da Real Filharmonía de Galicia, así como doutros solistas de relevancia internacional.

Ademais, este alumnado participará nos concertos da Real Filharmonía de Galicia baixo a supervisión dos seus titores e ofrecerá diversas actuacións ao longo do período lectivo como solistas, en grupos de cámara ou formando parte da propia orquestra.

As persoas interesadas en participar nas probas de selección, que se celebrarán o 26 de setembro, deberán presentar a súa solicitude antes do día 19 dese mesmo mes. A inscrición no curso pode realizarse a través da seguinte ligazón, onde tamén se poden consultar as obras que deberán interpretarse na selección e atoparán todos os requisitos necesarios.

A matrícula do curso será de 705,69 € e todo o estudantado recibirá unha bolsa de 300 € mensuais. Ademais, como membros de pleno dereito da USC, poderán acceder a aloxamento na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, situada a 180 metros da escola.

Podeche interesar