A Escola de Altos Estudos Musicais acollerá ao longo do mes de abril unha serie de clases maxistrais da man de recoñecidos intérpretes e profesores internacionais. A programación abrirase os días 9 e 10 de abril co fagotista Hans Agreda, actual contrafagot da Tonhalle-Orchester Zürich e profesor na Zürcher Hochschule der Künste, unha das institucións musicais máis prestixiosas de Europa. Nas súas sesións, dirixidas a alumnado avanzado, abordaranse aspectos clave como a técnica, o son, o repertorio orquestral e a musicalidade desde unha perspectiva internacional.
Os días 17 e 18 de abril será a quenda do trompetista Yael Fiuza Souto, quen regresa á EAEM —onde se formou como alumno— para traballar co alumnado de nivel medio e superior arredor do repertorio orquestral e o desenvolvemento técnico do instrumento.
A programación completarase os días 23 e 24 de abril co trompista Ignacio García, unha das grandes referencias internacionais da trompa. As súas clases estarán orientadas a estudantes avanzados e profesionais interesados en perfeccionar a súa técnica e profundar na interpretación do instrumento.
Xa no mes de maio, a actividade formativa continuará coas clases maxistrais de percusión impartidas por Juanjo Guillem os días 7 e 8. Unha das figuras máis influentes e polifacéticas do panorama actual. Recoñecido polo seu compromiso coa música contemporánea e pola súa intensa actividade internacional como solista, docente e creador, Guillem ofrecerá unha oportunidade única para afondar na interpretación, a técnica e o repertorio da percusión desde unha perspectiva actual e innovadora.
A programación de maio completarase os días 15 e 16 co clarinetista Nicolas Baldeyrou, un dos solistas máis destacados da súa xeración e referente internacional pola súa versatilidade e dominio tanto do clarinete moderno como dos instrumentos históricos. As súas clases estarán dirixidas a estudantes avanzados e profesionais interesados en perfeccionar a súa técnica, estilo e interpretación da man dun músico cunha sólida traxectoria internacional.