A Escola de Altos Estudos Musicais convoca unha nova edición do Curso de Corda para Nenos, co que se busca facer fincapé na formación dos nenos desde o comezo dos seus estudos musicais na especialidade de corda.

Este curso, destinado a nenos de entre 5 e 14 anos, realizarase de xaneiro a maio de 2025 e será impartido por profesorado da EAEM. Nel ofértanse doce prazas de violín e seis de violoncello.

Durante o mesmo, o alumnado terá 10 horas de preparación individual mínimas repartidas ao longo do curso en sesións non inferiores a 30 minutos, así como 5 horas mínimas de actividades colectivas de agrupación instrumental. Como colofón, realizarase un concerto final de curso no que se interpretarán obras individuais e de conxunto.

As solicitudes para participar deberanse presentar ata o día 11 de decembro a través da web da EAEM acompañado dun breve historial indicando os estudos que realiza actualmente.

Para o acceso ao curso realizarase unha audición o día 14 de decembro ás 10:30h onde os nenos deberán interpretar unha obra de libre elección. Unha vez realizada e superada poderase formalizar a matrícula ata o día 31 de decembro abonando o importe de 225€.

Te puede interesar