A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), vencellada á Real Filharmonía de Galicia e xestionada polo Consorcio de Santiago convocou no mes de fevereiro a 14ª edición do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, recoñecido como Título Propio de Posgrao pola Universidade de Santiago.

Tras realizar as probas de selección, a EAEM lanza agora unha convocatoria extraordinaria na que se ofertan tres prazas: unha de violín, unha de violoncello e outra de viola, que non se cubriron.

Este curso diríxese ao estudantado que rematou a súa formación musical e quere formar parte dunha orquestra profesional. A través deste curso, que comezará o vindeiro 1 de outubro de 2025 e rematará o 30 de xuño de 2026, os participantes recibirán clases individualizadas da man dos seus profesores, todos músicos da Real Filharmonía, e doutros solistas de relevancia internacional.

Ademais, estes alumnos participarán nos concertos da RFG, baixo a supervisión dos seus titores, e ofrecerán diversas actuacións ao longo do período lectivo como solistas, en grupos de cámara ou formando coa propia orquestra.

As persoas interesadas en participar nas probas de selección, que se celebrarán o 20 de setembro de 2025, deberán presentar a súa solicitude antes do 16 dese mesmo mes. A inscrición ao curso pode facerse a través da web www.eaem.es, onde tamén se pode consultar as obras que deberán interpretarse na selección e atoparán todos os requisitos necesarios.

A matrícula do curso será de 704€ e todos os estudantes terán unha bolsa por unha cantidade de 300€ mensuais. Ademais, como membros de pleno dereito da USC, poderán ter a aloxamento na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións situada a 180 metros da escola.

Podeche interesar