A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), vencellada á Real Filharmonía de Galicia e xestionada polo Consorcio de Santiago convoca a decimosegunda edición do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, recoñecido como Título Propio de Posgrao pola Universidade de Santiago.

Este curso diríxese ao estudantado que rematou a súa formación musical e quere formar parte dunha orquestra profesional. A través deste curso, que comezará o vindeiro 1 de outubro e rematará o 30 de xuño de 2024, os participantes recibirán clases individualizadas da man dos seus profesores, todos músicos da Real Filharmonía, e doutros solistas de relevancia internacional.

Ademais, estes alumnos participarán nos concertos da RFG, baixo a supervisión dos seus titores, e ofrecerán diversas actuacións ao longo do período lectivo como solistas, en grupos de cámara ou formando coa propia orquestra.

As persoas interesadas en participar nas probas de selección, que se celebrarán o 15, 16 e 17 de xullo, deberán presentar a súa solicitude antes do 9 de xuño. A inscrición ao curso pode facerse a través da web eaem.es, onde tamén se pode consultar as obras que deberán interpretarse na selección e atoparán todos os requisitos necesarios.

En total ofértanse 18 prazas, das cales seis son para violín, dúas para viola e dúas para violoncello, e unha de cada para os seguintes instrumentos: contrabaixo, óboe, clarinete, frauta, fagot, trompa, trompeta e percusión.

A matrícula do curso será de 704€ e todos os estudantes terán unha bolsa por unha cantidade de 300€ mensuais. Ademais, como membros de pleno dereito da USC, poderán ter a aloxamento na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións situada a 180 metros da escola.

Podeche interesar