Auditorio de Galicia
A Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerá tres concertos os vindeiros días 18, 20 e 22 de marzo ás 20.30h. O primeiro deles será na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia e os dous seguintes, recitais de cámara, na Sala Mozart do propio Auditorio.
O primeiro deles será este sábado 18, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave, e nel a Orquestra da EAEM interpretará Abertura de Don Giovanni de Wolfgang Amadeus Mozart e a Sinfonía Pastoral nº 6 op. 68 en Fa maior de Ludwig Van Beethoven.
Esta orquestra está conformada por alumnos do Curso de Especialización Instrumental que ofrece a Escola, así como profesores da EAEM que son tamén músicos principais da Real Filharmonía de Galicia e profesores convidados para o evento.
Concertos de cámara
Dous días despois, o luns, 20 de marzo, ofrecerase un Concerto de Cámara cun trío de corda primeiro interpretando a Suite para violín, viola e contrabaixo en Mi menor de Fritz Skorzeny e as Invencións a dúas voces nº 13 en La Menor e nº 14 en Sol maior de Johann Sebastian Bach con Daniel Rodríguez ao violín, Natalia Madison á viola e Pablo Rincón ao contrabaixo. A propia Natalia Madison é a profesora deles.
Deseguido será a quenda dun quinteto de ventos conformado por Carlos Cascales á frauta, Rosalba Olivares ao óboe, Miguel Peñarroja ao clarinete, Belén Carril ao fagot e Joan García á trompa con Juan Ferrer de profesor. Interpretarán Tres pezas breves de Jacques Ibert e o Quinteto de vento op. 43 de Carl Nielsen. A duración total das dúas partes será dunha hora.
Xa o mércores 22 teremos no mesmo lugar un cuarteto de corda que interpretará o Cuarteto de corda en Sol menor op. 27 de Edvard Grieg cos violinistas Ramón Rodríguez-Peña e Celia Montáñez, a violista Natalia Madison e a violoncellista Iryna Morozova. A profesora será Natalia Madison e a duración deste concerto será de 35 minutos.
Entrada libre
Para calquera dos tres recitais a entrada é libre ata completar cabida. Estes dous Concertos de Cámara ofrécense dentro do programa A Escola na Cidade e contan coa colaboración da Universidade e o Concello de Santiago de Compostela.