A Escola de Altos Estudos Musicais ofreceu tres concertos os días 18, 20 e 22 de marzo. O do sábado 18 foi na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia e os dous seguintes, recitais de cámara, na Sala Mozart do propio Auditorio.

O primeiro deles, celebrado o día 18, foi baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave, e nel a Orquestra da EAEM interpretou a Abertura de Don Giovanni de Wolfgang Amadeus Mozart e a Sinfonía Pastoral nº 6 op. 68 en Fa maior de Ludwig Van Beethoven.

Esta orquestra está conformada por alumnos do Curso de Especialización Instrumental que ofrece a Escola, así como profesores da EAEM que son tamén músicos principais da Real Filharmonía de Galicia e profesores convidados para o evento.

Concertos de Cámara
Xa o luns, día 20, alumnos do CAEO ofreceron un Concerto de Cámara cun trío de corda primeiro interpretando a Suite para violín, viola e contrabaixo en Mi menor de Fritz Skorzeny e as Invencións a dúas voces nº 13 en La Menor e nº 14 en Sol maior de Johann Sebastian Bach con Daniel Rodríguez ao violín, Natalia Madison á viola e Pablo Rincón ao contrabaixo. A propia Natalia Madison foi a profesora deles.

Deseguido foi a quenda dun quinteto de ventos conformado por Carlos Cascales á frauta, Rosalba Olivares ao óboe, Miguel Peñarroja ao clarinete, Belén Carril ao fagot e Joan García á trompa con Juan Ferrer de profesor. Interpretaron Tres pezas breves de Jacques Ibert e o Quinteto de vento op. 43 de Carl Nielsen.

Xa o mércores 22 no mesmo lugar un cuarteto de corda interpretou o Cuarteto de corda en Sol menor op. 27 de Edvard Grieg cos violinistas Ramón Rodríguez-Peña e Celia Montáñez, a violista Natalia Madison e a violoncellista Iryna Morozova. A profesora foi tamén Natalia Madison.

Podeche interesar