Auditorio de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa nova temporada, que levará por título ‘Migracións’. O acto tivo lugar no Parque da Música de Santiago de Compostela, situado nas inmediacións da súa sede, o Auditorio de Galicia.

Na presentación estivo a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; o director titular e artístico da Real Filharmonía, Baldur Brönnimann; así como a directora técnica da orquestra, Sabela García Fonte, o director do Auditorio de Galicia, Xaquín López, a xerente do Consorcio, Belén Hernández, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Miriam Louzao.

Esta programación é a primeira deseñada por Baldur Brönnimann como responsable artístico, que abre unha nova etapa para a formación. A proposta temática do novo director titular, ‘Migracións’, foi elixida pola importancia que ten este fenónemo na historia e no presente de Galicia. A través deste fío argumental proporase que a música actúe coma un espello da realidade. Por iso, a diversidade estará moi presente ao longo de toda a programación: atoparase música de herdanza africana (das compositoras Florence Price ou Hanna Kendall) ou chinesa (coa obra de Huang Ruo The Colour Yellow for Sheng and Orchestra); propostas de épocas e estéticas moi diferentes, desde compositores das Cortes Reais como Boccherini ou Brunetti ata obras de Bach, Haydn, Schubert… ata chegar a Cage ou Mazzoli.

O tema ‘Migracións’ será trasladado en tres bloques temáticos ao longo de toda a temporada. Un deles contará a historia de compositores exiliados como Stravinski, Ligeti, Rachmaninov, Weill, Wagner ou Dvo?ák e nel escoitaranse obras como a Sinfonía do Novo Mundo, O idilio de Sigfrido ou as Danzas Sinfónicas. Outro enfoque será a compositora Kaija Saariaho, finesa afincada en París e unha das creadoras máis importantes do noso tempo, falecida recentemente. Dela interpretaranse obras como Ciel d’Hiver ou La Passion de Simone, oratorio sobre a vida da filósofa francesa Simone Weil. O último bloque centrarase na figura de Roberto Gerhard (a través da súa Sinfonía núm. 1 e do ballet Alegrías), un dos compositores españois máis importantes do século XX e o único alumno español de Arnold Schoenberg.

Apoio aos novos talentos e novos públicos
Este novo proxecto da Real Filharmonía de Galicia busca non ser só presente, senón tamén de futuro. Entre as misións da institución está a de axudar ás novas xeracións de músicos, tanto compositores/as como directores/as de orquestra para que desenvolvan o seu potencial e así contribuír a fomentar o tecido musical galego. Esta estratexia fundaméntase na implicación da Escola de Altos Estudos Musicais e dúas novas iniciativas: un obradoiro de dirección para a selección un novo/a director/a asistente no mes de decembro e un obradoiro de lectura para obras de novos compositores, que terá lugar no mes de maio de 2024.

Moitas serán as novas figuras que traballarán coa RFG por primeira vez, como as directoras Rita Castro Blanco, Johanna Malangré ou Judith Jáuregui; o frautista galego André Cebrián, o virtuoso do sheng Wu Wei ou o director e clavecinista Aarón Zapico.

Seguindo neste traballo de potenciación dos novos protagonistas na música, as encargas a novos/as compositores/as formarán parte desta temporada con obras de dous compositores galegos, Hugo Gómez-Chao que estreará Schattenhaft e Jacobo Gaspar que ofrecerá De Mar a Mar. Ademais, realizarase unha co-encarga Euskadiko Orkestra a Itziar Viloria, coa obra Oihartzun gorriak (Ecos vermellos). A RFG realizará 10 estreas máis en España.

A Filharmonía tamén reforza a súa actividade educativa e familiar cos proxectos Pulcinella, O gato con botas e Pleasure Island. Ademais, conscientes das mudanzas nos hábitos na escoita e para aqueles que se acheguen á música clásica por primeira vez, porase en marcha un novo formato de programa chamado (EN)FOCO, espectáculos comentados dunha hora de duración os venres.

Música Antiga
Tres dos concertos programados nesta temporada -en novembro, febreiro e maio- estarán protaganizados por música dos séculos XVII e XVIII interpretada con criterios historicistas. Serán viaxes nas que se reflectirán que os movementos de persoas eran un fenómeno que definiu, tamén, a historia da música. Neles contarase con dous especialistas na materia, Aarón Zapico e Enrico Onofri.

Abonos
A renovación dos pases de temporada realizarase os días 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño no teléfono do Auditorio de Galicia (981 571 026) e os novos abonos poderán solicitarse os días 4, 5, 6 e 7 de xullo así como o 11, 12, 13, 14 e 15 de setembro no despacho de billetes do Auditorio de 11h a 14h.

Ademais, para facilitar que os novos públicos se acheguen á Real Filharmonía, crearase o novo abono (EN)FOCO, que inclúe cinco concertos, os tres do formato (EN)FOCO e dous a elixir da temporada por 50€ en total.

Por último, para abrir un novo espazo de intercambio entre o público e a Real Filharmonía, seguirase coa colaboración de Galicia Calidade. O día da inauguración da temporada, o vindeiro 5 de outubro, servirase o próximo viño ao público asistente.

Pódeche interesar