Dado que aínda quedan prazas dispoñibles, amplíase o prazo de matrícula para as clases maxistrais de frauta ata hoxe, 9 de decembro de 2025. Os flautistas Matthieu Gauci-Ancelin e Davide Formisano impartirán estas clases na Escola de Altos Estudos Musicais.
O curso contará cun total de 11 alumnos/as, e en ambos días reservarase un horario específico para o alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, de 10:00 a 12:00 h.
Como solista, Matthieu Gauci-Ancelin actuou con numerosas orquestras, entre elas a Orquestra Sinfónica de Praga, a Deutsches Kammerorchester, a Sinfónica de Varsovia e a orquestra da Komische Oper. É profesor na University of Music and Performing Arts Graz (Austria) e ensinou na Hanns Eisler de Berlín entre 2017 e 2019.
Pola súa parte, Davide Formisano é un recoñecido flautista italiano nacido en Milán en 1974. Diplomado coas máximas cualificacións no Conservatorio Giuseppe Verdi de Milán, ampliou estudos en Stuttgart e Basilea. Foi frauta solista da Orquesta del Teatro alla Scala de Milán durante máis dunha década (1997–2012) e compaxina a súa intensa actividade como solista e músico de cámara coa docencia en institucións musicais de prestixio.
A matrícula ten un prezo de 119 €, e cada alumno/a recibirá unha hora de clase con cada un dos profesores.