Escola de Altos Estudos Musicais

Nos días 22 e 23 de maio, Iñaki Martín impartirá clases maxistrais de percusión na Escola de Altos Estudos Musicais. Os horarios do mércores 22 serán de 12:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h mentres que, no xoves 23 serán de 11:00 a 12:00h e de 16:00 a 19:00h.

Cómpre indicar que haberá un horario especial para o alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, que será das 10:00 a 12:00h no primeiro día e de 10:00 a 11:00h no segundo día.

A experiencia orquestral de Iñaki Martín comezou no ano de 1986 ao converterse en membro da Orquesta de Jóvenes del Mediterráneo e colaborador habitual de outras tantas orquestras españolas (Sinfónica de Madrid, Sinfónica de Tenerife ou mesmo a Sinfónica da Radiotelevisión Española). En 1991 foi seleccionado para formar parte do cadro de músicos da Real Orquesta Sinfónica de Sevilla, posición que segue ocupando na actualidade.

Nacido en Madrid, Iñaki completou os seus estudos de percusión no Real Conservatorio Superior de Música da capital española. Durante dous anos, e bolseiro pola Comunidad de Madrid e o Ministerio de Cultura, ampliou a súa formación no Conservatorium van Amsterdam (Holanda), onde lle foi outorgado o Diploma de Solista de Percusión (U.M. Slagwerk).

Formou parte de numerosas agrupacións de cámara interpretando desde música do Renacemento ata a música dos nosos días, estreando cos devanditos conxuntos máis de cincuenta obras realizadas por encargo a diferentes compositores tanto nacionais, como do panorama internacional.

Entre as súas aparicións como solista destacan as do Círculo de Belas Artes de Madrid ou do Teatro Central de Sevilla interpretando Psappha de Xenakis; tamén actuou acompañado pola ROSS en varias ocasións, como a da estrea en España do Concerto para Percusión e orquestra de Richard R. Bennett no Teatro da Maestranza en 1996.

No eido da ensinanza impartiu máis de trinta cursos e clases maxistrais de percusión en Conservatorios como os Madrid, Zaragoza, Málaga, Córdoba, Sevilla, Huesca, Ciudad Real, Huelva, Porto Rico e Amsterdam, así como na EAEM de Galicia e os "Days of Percussion" de Italia.

Foi profesor da Academia de Estudos Orquestrais e do Máster en Interpretación Orquestral da Fundación Baremboin-Said desde 2011 ata 2021. Así mesmo, é solicitado frecuentemente como profesor de orquestras novas e como membro do xurado de concursos tanto nacionais como internacionais.

No apartado de Clases Maxistrais da web da EAEM podes consultar toda a información.

Te puede interesar