Escola de Altos Estudos Musicais
A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece os días 23, 24 e 25 as derradeiras Clases Maxistrais deste trimestre. En concreto serán o fagotista Carlos Tarancón, a violinista Raquel Castro e o violista Yuval Gotlibovich quen ofrezan estas leccións.
Por unha parte, o fagotista Carlos Tarancón visitará por primeira vez a EAEM e ofrecerá 10 horas lectivas, en horario de 10h a 14h e de 16h a 20h o xoves 23, e de 10h a 12h e de 16h a 19h o venres 24. Destas clases, as dúas primeiras horas do xoves e a primeira do venres serán destinadas aos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral.
A seguinte será Raquel Castro, que impartirá 8 horas lectivas de violín. Serán o xoves 23 de 10h a 14h e de 16h a 20h, e o venres 24 de 10h a 13h e de 16h a 18h, reservando a mañá do xoves e de 10h a 11h do venres para alumnado do CAEO.
Por último, Yuval Gotlibovich, violista, ofrecerá 4 horas lectivas o sábado 25, que serán de 10h a 14h.
Os interesados poderán inscribirse ata tres días naturais antes a través do apartado de Clases Maxistrais da web da EAEM.
Tres prestixiosos profesores
O fagotista Carlos Tarancón iniciouse no seu labor pedagóxico como profesor de Fagot no Conservatorio Superior de Música de Castela e León (Salamanca) e na plataforma PlaywithaPro, impartindo clases a alumnos de todo o mundo. Desde 2017 é profesor de Fagot no Conservatorio Superior de Música de Aragón, labor que compaxina impartindo cursos a niveis profesionais e superiores.
Galardoado a nivel internacional en Concursos de Música de Cámara ou como Solista, Carlos Tarancón enfocou desde os seus inicios a súa formación na interpretación do repertorio camerístico do seu instrumento. Mostra diso son os numerosos premios entre os que destacan “Premio Primeiro Palau”, “Premio Catalunya Música” e “Premio da Crítica” na edición de 2014, “Kiefer-Hablitzel Musikpreis” (2015 e 2017), “Nicati-de Luze” (2016), “Dienemann Stiftung” (2016), “Concurso de Música de Cámara Ecoparque de Transmiera” (2011) ou o “Concurso Internacional de Música de Cámara Ciudad de Manresa” (2008).
Pola súa parte, Raquel Castro, que naceu na localidade de Aguiño, en Ribeira, formou parte da Orquestra Xove de Galicia e na actualidade desfruta dunha magnífica carreira como intérprete e pedagoga do violín. As súas recentes actuacións téñena levado, ademais de por toda España, a países como Gran Bretaña, Francia, Italia, Eslovenia, Croacia, Estados Unidos, Israel e a diversos lugares de Oriente Medio.
Recibe a súa formación en España e Londres, na Guildhall School of Music and Drama. Completa os seus estudos na Universidade de Indiana. Grazas a unha bolsa do Programa Fulbright consegue o Masters en Música coas máximas cualificacións, baixo a tutela do mestre Mauricio Fuks, do cal ten sido asistente.
Ten sido convidada a impartir clases na Universidade de Indiana e na Summer Festival Academy en Bloomington. En 2005 conseguiu a praza de primeiro violín solista na nova formación Ensemble Nacional Español de Música Contemporánea. É convidada nacional e internacionalmente para impartir clases maxistrais, seminarios e cursos de violín. Dende o ano 2004 é profesora de violín na Escola Superior de Música de Cataluña (ESMUC).
Por último, Yuval Gotlibovich, nado en Israel, sobresae como un dos violistas máis solicitados da súa xeración. Gañou diversos concursos internacionais para o seu instrumento, entre eles o primeiro premio no VII Concurso Internacional Lionel Tertis, no certame “Aviv” en Israel en 2004 ou no Concurso Nacional de Música de Cámara “Fischoff” en Indiana.
A súa actividade concertística desenvólvese en Europa, Estados Unidos, Canadá e Israel. Como solista tocou coa Sinfónica de Xerusalén, Tel-Aviv Soloists Ensemble, a Orquestra de Cámara de Ostrobotnia (Finlandia) ou a Orquestra do Festival de Texas, entre outras agrupacións. Como solista tocou en importantes salas como a Wigmore Hall en Londres, Tel-Aviv Opera House ou no Kennedy Center en Washington.
Foi profesor de viola na Universidade de Indiana e na actualidade é docente no Conservatorio Superior do Liceo en Barcelona, na Escola Superior de Música Raíña Sofía en Madrid e no Conservatorio della Svizzera Italiana.