O alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) protagonizará esta semana dous concertos en Santiago de Compostela, que permitirán mostrar o traballo desenvolvido no marco do Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO) e do Curso de Especialización Orquestral.

O primeiro deles terá lugar o xoves 19 de marzo ás 19:30 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, dentro do preconcerto da Real Filharmonía de Galicia. O programa incluirá obras de Jean-Philippe Rameau, Antonio Vivaldi, Johann David Heinichen, Johann Georg Pisendel e Tomaso Albinoni, baixo a dirección da violinista e directora Amandine Beyer e coa participación do bailarín e coreógrafo Oliver Foures.

Nesta ocasión actuará o alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, acompañado por un fagotista convidado. O elenco estará formado por: Carmen Bajo, frauta; Ana Lucía Pérez, óboe; Antonio Martín, clarinete; Esteban García, fagot; Alberto López, trompa; André Filipe Coutinho, trompeta; Lola Olmo, percusión; Catarina Barbosa, Marie Esther Cooper e Lia Theotonio, violíns; Inmaculada Muedra, viola; J. Nicolás Casamayor e Nicolás Concheiro, violoncellos; e Nicolás García, contrabaixo.

O segundo concerto celebrarase o sábado 22 de marzo ás 19:30 h no Auditorio da Escola de Altos Estudos Musicais. Nesta ocasión, a Orquestra da EAEM, integrada polo alumnado do Curso de Especialización Orquestral, interpretará obras de Joan Magrané e Franz Schubert baixo a dirección de Sebastian Zinca.

Con estas dúas citas, a EAEM continúa impulsando a formación práctica do seu alumnado e ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer de preto o talento das novas xeracións de intérpretes.

Te puede interesar