O trompista David Fernández ofrecerá clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais o xoves 14 e venres 15 de decembro. En total serán 10 horas lectivas que serán de 10h a 14h e 16h a 20h do xoves e 10h a 12h e 16h a 19h do venres. As dúas primeiras da mañá do xoves, e a primeira do venres serán para alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral. Estas serán as últimas clases maxistrais deste período.
Estudou en Vigo e en Karlsruhe con Will Sanders, obtendo matrícula de honra tanto no exame final de carreira como na diplomatura de solista. Foi membro da JONDE, da EUYO e da Gustav Mahler Jugendorchester e, xa como profesional, da Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera e Orquestra da Comunitat Valenciana. Tocou coa Mahler Chamber Orchestra, Staatskapelle Dresden, Sinfónica de Berlín, Radio Stuttgart SWR, Radio Oslo, BBC, Real Filharmonía de Galicia, Sinfónica de Bilbao etc. Foi dirixido por directores do prestixio de Lorin Maazel, Zubin Mehta, Kurt Masur, Carlo Maria Giulini, André Previn, Esa-Pekka Salonen, Daniel Harding, Víctor Pablo Pérez, Pierre Boulez, Riccardo Chailly etc., en salas de concertos en Berlín, París, Londres, Amsterdam, Tokio, Nova York, Madrid, Valencia ...
David toca constantemente con grupos de cámara e co quinteto de vento Miro Ensemble gañou o primeiro premio e o premio especial do público no concurso da ARD de Múnic e realizou xiras por Europa. Co octeto de vento Moondwinds actuou en España e Londres e gravou varios discos. Tamén é membro do quinteto de gañadores de ARD, cos que toca asiduamente en Alemaña, Austria e Suíza e gravou un compacto cos quintetos de Mozart e Beethoven que lle valeu o premio Boto-Prize 2012 á mellor gravación de música de cámara que se concede anualmente en Berlín. Estreou e gravou o Concerto para trompa de José Arriola coa Real Filharmonía de Galicia e toca a miúdo como solista os concertos de Schumann, Mozart, Weber, Strauss e Förster. Foi Premio da Crítica de Galicia en 2003.
No apartado de Clases Maxistrais da web da EAEM podes consultar toda a información.