A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) acollerá os próximos 15 e 16 de maio as últimas clases maxistrais deste curso académico, dedicadas nesta ocasión ao clarinete e impartidas polo recoñecido intérprete francés Nicolas Baldeyrou. A convocatoria espertou un enorme interese entre alumnado avanzado e profesionais, consolidando unha vez máis a aposta da EAEM pola formación de excelencia.

Todas as prazas dispoñibles para participar nas sesións foron cubertas, confirmando o éxito dunha iniciativa que permitirá ao alumnado traballar de maneira directa cun dos clarinetistas máis destacados do panorama internacional actual. Baldeyrou é recoñecido pola súa versatilidade artística, o seu dominio tanto do clarinete moderno como dos instrumentos históricos e pola súa presenza habitual nas principais salas e festivais do mundo.

Estas clases maxistrais porán o broche final ao programa de actividades formativas da EAEM neste curso, ofrecendo unha oportunidade única para profundar na técnica, o estilo e a interpretación musical da man dun referente internacional do instrumento. A elevada participación reafirma o interese e o compromiso da comunidade musical con este tipo de encontros especializados.

Te puede interesar