A Escola de Altos Estudos Musicais acolleu unha inspiradora clase maxistral da frautista Silvia Rozas, antiga alumna da EAEM e actualmente frauta principal na Ópera de Hannover e membro da NDR Radiophilharmonie. Durante a xornada, alumnado avanzado e novos profesionais tiveron a oportunidade de traballar de preto aspectos técnicos e interpretativos, nun ambiente de esixencia, proximidade e entusiasmo.
Ao longo da sesión, Rozas insistiu na importancia da conciencia corporal —desde a posición das xeonllas ata a liberdade do son— e animou ao alumnado a asumir riscos como parte esencial do crecemento artístico. Entre indicacións precisas e moitos “super!”, a clase converteuse nun espazo de aprendizaxe, confianza e motivación, no que quedou claro que, na música como na escena, no risk, no fun.