Paraninfo da USC e Auditorio de Galicia
Os alumnos e alumnas que este ano cursaron o Curso Avanzado de Especialización Orquestral que oferta a Escola de Altos Estudos Musicais interpretaron desde o luns 29 de maio ata o mércores 7 de xuño os concertos de cámara de final de curso cos que poñen o punto e final aos seus estudos e nos que ofreceron unha interpretación solista destacada.
A maiores, o día 8 de xuño no Auditorio de Galicia, os alumnos seleccionados polos profesores do curso participaron como solistas nun concerto extraordinario coa Real Filharmonía de Galicia.
Nestes eventos participaron o día 29 o cellista Robrecht de Roeck e o trompista Joan García. Ao día seguinte tocou o trompetista Carlos López así como un cuarteto de corda conformado por Adriana Winkler (violín), Juan Pablo Calderón (violín), Fernando Fresno (viola) e Robrecht de Roeck (violoncello). O mes de maio rematou co concerto o día 31 da fagotista Belén Carril e o clarinetista Miguel Peñarroja.
O xoves, 1 de xuño, foi a quenda do frautista Carlos Cascales e o violinista Ramón Rodríguez-Peña, e ao día seguinte o concerto foi do violista Fernando Fresno e a oboísta Rosalba Olivares.
Xa na seguinte semana, o luns comezou co recital de dous violinistas: Pablo Calderón e Celia Montáñez. Ao día seguinte participaron a cellista Iryna Morozova e o contrabaixista Pablo Rincón. No último dos concertos interpretaron o violinista Daniel Rodríguez e o percusionista Gonzalo Otero.