A Escola de Altos Estudos Musicais acollerá o vindeiro sábado 20 de xuño, nas instalacións da EAEM, o concerto de clausura do “Curso de Corda para Nenos 2026”, unha cita moi especial na que os participantes compartirán co público os avances e coñecementos adquiridos ao longo do ano académico.
O programa para o estudantado de corda inclúe pezas de grandes compositores como Bach, Beethoven, Bizet, Brahms, Vivaldi, Saint-Saëns, Kreisler ou Elgar, interpretadas polo alumnado das distintas especialidades instrumentais.
A sesión concluirá coa participación da orquestra do curso, que interpretará fragmentos da “Habanera” de Carmen, da Sinfonía nº7 de Beethoven e da marcha “Pompa y Circunstancia” de Elgar. Este recital representa unha magnífica oportunidade para que os mozos músicos leven ao escenario o traballo desenvolvido durante o curso e amosen a súa evolución artística diante das familias, da comunidade educativa e do público asistente.